Presentación do anteproxecto de construción da estación de mercadorías ferroviarias no Polígono San Cibrao

A Asociación de Empresarios pecha filas cunha nova infraestrutura esencial para o futuro do Polígono San Cibrao.

Os polígonos e a CEO pechan filas para concentrar o tráfico de mercadorías ferroviarias en San Cibrao cunha nova estación.

Os empresarios dos polígonos San Cibrao, Pereiro de Aguiar e Barreiros, xunto coa Confederación de Empresarios, pecharon hoxe filas no seu apoio ao traslado da estación de mercadorías ferroviarias de Ourense a San Cibrao, concentrando aquí todo o tráfico que agora se reparte entre esta área industrial, a estación de Taboadela e a estación Ourense- Empalme.

O anteproxecto, presentado e defendido polo presidente da Comisión da Confederación de Empresarios de Galicia, Manuel Martínez Rapela, e o arquitecto Fernando Lamas, que é o autor, expón unha única estación na Cidade do Transporte, no Polígono. Esta infraestrutura non só cubrirá as necesidades actuais da área industrial máis extensa de Galicia, senón que “é imprescindible para o conxunto da comunidade”, a xuízo de Martínez Rapela.

Lamas chamou a atención sobre as sinerxias que xerará esta nova estación, que substituirá á de Ourense- Empale e integrará á de Taboadela.

“Á estación de Ourense só chega o 10% da carga de mercadorías, mentres que no Polígono móvense o 90%”, polo que ten todo o sentido agrupar todo o tráfico na Cidade do Transporte. Subliñou tamén que co traslado liberaranse 140.000 metros cadrados de chan na actual estación de Ourense, o que abre un amplo abanico de posibilidades e usos para este espazo, equivalente a uns 20 campos de fútbol como o do Couto.

A este argumento, Lamas sumou outros como que “todos os gobernos están a apostar por sacar as mercadorías das estradas” en favor do ferrocarril, pois “se reduce o número de accidentes e a emisión de C02 á atmosfera”, o que ademais coincide cos criterios que esixe Europa para o financiamento de proxectos como este, ao que se referiu como “unha oportunidade”.

Para abundar neste argumento, Martínez Rapela achegou outro dato: “80 camións equivalen a un só tren de mercadorías con unicamente dous condutores”, o que reduce de forma notable os custos ambientais.

Antes de dar paso ás intervencións máis técnicas, o presidente dos empresarios do Polígono San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araujo, lembrou que este #ante-proxecto xa foi remitido aos gobernos de España e Galicia e que suma cada vez máis apoios, aínda que advertiu que “todo o andado non servirá de nada se finalmente non conseguimos materializalo”. É por iso polo que avogou por seguir insistindo en “a idoneidade e oportunidade deste proxecto, pero tamén na necesaria unidade para sacalo adiante entre todos”.

“E precisamente para iso estamos hoxe de novo aquí: os empresarios pechando filas cunha nova infraestrutura que consideramos esencial para o noso futuro como área industrial, remando todos na mesma dirección, que é o que lle pedimos ao resto de actores”, remarcou.

Tras a reunión cos empresarios, o presidente dos empresarios trasladoulle o #ante-proxecto ao presidente da Deputación, co que se reuniu no Pazo Provincial, e mañá fará o propio co novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, ao que visitará na sede da CEG.

Así mesmo, a Asociación de Empresarios remitiu o documento a institucións, partidos políticos e sindicatos, buscando o maior apoio e consenso posible para o mesmo.

As razóns que xustifican o proxecto, cun custo de 20 millóns de euros.

  • Tres estaciones de mercadorías para a pouca tonelaxe que se manexa na actualidade non son funcionais, senón custosas, polo seu mantemento.
  • A estación- Empalme está moi infrautilizada na súa vertente mercante e a nova estación de Alta Velocidade que alí se constrúe necesita de mellor aspecto, máis espazo, que aínda sobraría, mesmo, para outros usos cidadáns se se incorpora o da actual zona de mercadorías.
  • A localización no lugar onde se manexan actualmente o 90% (San Cibrao) das mercadorías de Ourense é o idóneo para a nova localización.
  • A liña de Zamora, que quedará libre pola entrada en servizo do AV/AV, permite a utilización case exclusiva para mercadorías e o lóxico é que os operadores que circulen cara a Medina del Campo/Venta de Baños desde Galicia utilícena con máis frecuencia que a de León, que é máis antiga con peor trazado e compaxinando coa circulación de pasaxeiros. Ademais, o percorrido é de 160 quilómetros menos que por León.