Novo programa de axudas para a implantación da igualdade nas empresas

Axudas económicas para a implantación de plans de igualdade, conciliación e certificacións de responsabilidade social empresarial.

O DOG publica o luns 10 de maio, as novas axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial nas empresas.

A presentación das solicitudes realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, introducindo o código de procedemento correspondente a cada un dos programas TR357 B, TR357 C e TR357D.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o martes 11 de maio e ata o 11 de xuño de 2021.

Preséntanse tres liñas de subvencións para avanzar en materias igualdade e conciliación da vida laboral e persoal, así como en responsabilidade social empresarial.

Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade. TR357 C

  • Beneficiarios: Pemes ou autónomos que teñan subscritos contratos de con polo menos 15 persoas traballadoras por conta allea (cun máx. de 100). Centro de traballo en Galicia. Taxa de estabilidade de polo menos o 50% desde o 1 de xaneiro de 2021. Ao corrente das súas obrigacións tributarias.
  • Conceptos subvencionables: Elaboración dunha diagnose de xénero, elaboración dun plan de igualdade e/ou os custos derivados da primeira fase de implantación das medidas prioritarias previstas no plan de igualdade aprobado.
  • Contía da axuda: Ata o 80% dos custos derivados da elaboración do diagnóstico, do plan de igualdade ou da implantación das medidas oportunas. (As contías mínimas e máximas da axuda dependerán do número de traballadores que teña a empresa e do concepto que se subvencione).

Liña II. Conciliación. TR357D

💻 FOMENTO DO TELETRABALLO

  • Beneficiarios: Pemes ou autónomos que teñan subscritos contratos de traballo con polo menos 6 persoas por conta allea. Centro de traballo en Galicia. Non pertencer a sectores TIC. Formalizar polo menos un acordo de teletraballo por un período non inferior a 2 anos cunha persoa xa vinculada á empresa polo menos durante o último ano e/ou que contraten ex novo persoal en teletraballo a xornada completa por un período non inferior a dous anos.
  • Incentivo: 2.000 euros por persoa traballadora (límite máximo de 8.000 euros por empresa, que se incrementarán en 1.000 euros cando a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina)

⌚ FOMENTO DA FLEXIBILIDADE HORARIA

  • Beneficiarios: Pemes ou autónomos que teñan subscritos contratos de traballo con polo menos 6 persoas por conta allea. Centro de traballo en Galicia. Establecer un convenio colectivo de empresa ou acordo de medidas de flexibilidade horaria (compensación de días e horas, xornada laboral continua, semana laboral comprimida, permisos especiais, etc.) que se compromete manteranse como mínimo 2 anos.
  • Incentivo: 10.000 euros por empresa solicitante (incrementaranse en 1.000 euros cando a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina)

🖱 ADQUISICIÓN DE ELEMENTOS TECNOLÓXICOS QUE POSIBILITEN O TELETRABALLO

  • Beneficiarios: pemes ou autónomos que teñan subscritos contratos de traballo con polo menos 6 persoas por conta allea. Centro de traballo en Galicia. Acordo de teletraballo en vigor na data de presentación da solicitude. Non poden ser beneficiarias as empresas pertencentes a sectores TIC.
  • Actividades subvencionables: adquisición de computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas para desenvolver, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.
  • Contía: 80% do investimento (máximo 1500 euros por persoa traballadora beneficiaria, máx. 20.000 euros por empresa. Poderase incrementar un 10% cando a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina)

Liña III. Certificacións de RSE. TR357 B

  • Contía da axuda: 80% dos custos que conleve o proceso de certificación ou verificación ( máx. 2.000 euros por empresa)