Camiñando a Santiago polo Polígono San Cibrao

O Camiño de Santiago ábrese paso polo Polígono San Cibrao.

O Xacobeo 21-22 xa comeza a sentirse nas rúas, camiños e cidades galegas.

Este ano coas particularidades da pandemia e a súa ampliación ao ano 2022, confírenlle un sabor agridoce, pero con grandes expectativas para camiñantes e sector hostaleiro, que abre as súas portas a unha nova normalidade cada vez máis inminente.

E, ante este escenario, o Polígono San Cibrao non queda indiferente.

O roteiro da Vía da Prata, tamén coñecida como Camiño Mozárabe, únenos coas terras andaluzas transcorrendo pola provincia de Ourense.

É na etapa denominada Vilar de Barrio-Ourense, cunha lonxitude de 25km, a que une, unha das zonas empresariais máis importantes de Galicia, o Polígono San Cibrao, co Camiño de Santiago.

O descanso do peregrino

Zona de descanso destinada a peregrinos do Camiño de Santiago, posta en marcha pola Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao.

O camiño ten a súa entrada no Polígono San Cibrao a través do “Descanso do peregrino”. Un compromiso adquirido pola Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao no ano 2010 e, posto ao dispor dos peregrinos, contribuíndo á súa vez, a facer unha zona empresarial máis humana.

Porque San Cibrao é un polígono diferente, no que a cor verde vai gañando, aos poucos, terreo ao gris.

O “Descanso do peregrino” é unha parada obrigatoria non só para o descanso, senón para un intercambio de experiencias e un punto de encontro de diversidade cultural para calquera camiñante a Santiago.

Trátase dunha estrutura protexida do sol e do vendo, equipada cunha mesa, bancos e auga corrente para saciar a sede dos camiñantes e, a partir do cal o peregrino deberá percorrer 117,4 km para chegar ao seu ansiado destino, a catedral de Santiago de Compostela.

Sinalización do Camiño de Santiago no Polígono San Cibrao.

Finalizada a parada no “Descanso do peregrino”, o camiño transcorre pola rúa 3 do Polígono San Cibrao ata chegar á intersección coa rúa principal, onde os peregrinos deberán extremar as precaucións debido ao intenso tráfico de turismos e vehículos de gran tonelaxe.

Continuando pola rúa 1, Ricardo Martín Esperanza, dirección á cidade de Ourense, os camiñantes penetraranse na poboación de Reboredo camiño ao centro da cidade das burgas. Trátase dun tramo de quilómetro e medio de distancia que discorre entre instalacións de empresas, perfectamente sinalizado coas populares frechas amarelas.

Cada día, o Polígono San Cibrao acolle a circulación de peregrinos que se dirixen a Santiago. Uns o fan a pé, outros en bicicleta e outros, dacabalo. Non importa a forma, senón o espírito de camiñar a Galicia percorrendo os seus extraordinarios pobos e cidades. Sen dúbida, unha viaxe indeleble do recordo.

Para todos eles, Bo camiño!