O polígono de San Cibrao ofrece formación en soldadura e fontanería

As instalacións da Asociación acollen dous cursos dirixidos a desempregados e nos que se combinan teoría e práctica

Nun mercado laboral cada vez máis esixente, a Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao aposta pola formación.

E esta aposta demóstrase con cifras. Nas súas instalacións desenvólvense, coa subvención da Consellería de Emprego e Igualdade, os cursos Soldadura con eléctrodo revestido e TIG e Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica-, que ofrecen un total de 1.316 horas de aprendizaxe.

Ambos enmárcanse dentro das Accións Formativas a Desempregados e o obxectivo non é outro que cubrir a demanda actual destes especialistas.

Cada unha das propostas formativas está composta de 14 alumnos que obterán o certificado de profesionalidade correspondente.

Os coñecementos que adquiren os participantes foron totalmente orientados e adaptados ás necesidades do mundo laboral e enfocados a sectores como a automoción, o naval ou a industria alimentaria.

Soldadura con eléctrodo revestido e TIG

No curso de soldadura, execútanse procesos de soldeo enfocados a sectores tales como a automoción, o naval ou a industria alimentaria, tanto en fabricación como en reparación.

Tamén se realiza o deseño de planos para a execución de proxectos.

Esta iniciativa, que comezou en novembro e terminará en xuño, ten unha duración de 758 horas nas que se compaxina a parte teórica e práctica, incluíndo formación en empresas. Obtense un certificado de profesionalidade nivel 2.

Operacións de fontanería e calefacción -climatización doméstica-

Este curso conta cunha duración de 558 horas nas que os alumnos aprenden a realizar desde pequenas reparacións ata instalacións completas.

Igualmente, compaxínase a teoría coa práctica no taller e inclúese a formación en empresas.

As clases comezaron en xaneiro e finalizarán en xullo, ofrecendo un certificado de profesionalidade nivel 1.

Cabe destacar que os estudantes de ambos certificados reciben tamén formación no ámbito da prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental e igualdade.