O Polígono San Cibrao aumenta a súa aposta pola seguridade

O Polígono San Cibrao aumenta a súa aposta pola seguridade con dez novas cámaras de vixilancia e un novo sistema de recoñecemento de matrículas.

A área empresarial contará cun total de 79 dispositivos, sumando dez aos xa existentes e cubrindo unha maior superficie

A intelixencia artificial ábrese paso no polígono de San Cibrao, onde a seguridade das empresas verase reforzada cun novo sistema de televixilancia.

A sede da Asociación de Empresarios foi esta mañá o escenario no que se deu a coñecer unha nova actuación dirixida a mellorar a competitividade das compañías.

No acto de presentación, o presidente da entidade empresarial, José Antonio Rodríguez Araújo, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández, e a deputada no Parlamento de Galicia Marta Nóvoa.

Con esta nova actuación en materia de seguridade, o Polígono de San Cibrao pasará a dispoñer de 79 cámaras, sumando outras dez ás xa existentes.

Cubrirase así unha maior superficie da área empresarial e verase mellorado un servizo que valoran en gran medida as empresas e que non deixou de modernizarse con novas coberturas.

Así, cabe destacar a incorporación de dúas cámaras para o recoñecemento de matrículas nas entradas principais do polígono, conectadas a un servidor específico no centro de control. A instalación realizarase nas rúas 1, 11, 12, 13, 15 e 16.

As dez novas cámaras sumaranse ás seis xa instaladas o ano pasado na Cidade do Transporte, sumando un investimento nestes dous anos de case 100.000 euros.

Ao longo do 2021 realizáronse 260 intervencións de seguridade no recinto e atendéronse máis dunha vintena de solicitudes para a descarga de imaxes

A súa utilidade demóstrase con cifras. E é que só no 2021 recibíronse 22 solicitudes de descargas de imaxes por parte das autoridades gubernativas para o esclarecemento de delitos e incidentes. Ademais, realizáronse 260 intervencións.

O presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, puxo en valor esta nova actuación a favor da seguridade das compañías:

“Este servizo achéganos unha vantaxe competitiva de gran relevancia con relación a outros parques empresariais cos que inevitablemente competimos e competiremos na captación de empresas, especialmente cando se materialice a ampliación do Polígono na que estamos a traballar, tamén xunto ao Concello e a Xunta”.

A actuación, que mellorará a competitividade do polígono, foi financiada polo Concello de San Cibrao e a Xunta de Galicia

Tamén agradeceu a implicación do Concello de San Cibrao e da Xunta de Galicia, “xa que sen ela non estariamos hoxe aquí anunciado isto nin dispoñeriamos do sistema de seguridade que temos”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, destacou a mellora que supoñerá esta actuación para un polígono “que xa é atractivo por si mesmo”, e destacou a “suma dos esforzos da iniciativa pública e privada para aumentar a competitividade das empresas”.