Encontro Networking Galicia Empresa

Nas instalacións da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, tivo lugar o Networking Galicia Empresa 2022

A excelencia non é un estado, é un proceso. Recalcouno o conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, no encontro Networking Galicia Empresa celebrado ao longo desta mañá na sede da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao.

A xornada demostrou a importancia deste tipo de eventos para xerar oportunidades de negocio e durante o seu desenvolvemento compartíronse experiencias profesionais e casos de éxito.

Dúas empresas punteiras da provincia de Ourense, Inplasor e Formato Verde, repasaron a súa traxectoria profesional e esta serviu de exemplo no camiño cara á excelencia empresarial.

A administradora da primeira firma, Alicia Gómez, asegurou que “en moitas ocasións as pequenas e medianas empresas vémonos soas, pero coas axudas do Igape sentímonos máis arroupados, xa que se recoñece o noso labor”.

Tamén agradeceu o traballo da Asociación a favor dos empresarios, dando a coñecer as subvencións e ofrecendo toda a información.

Pola súa banda, un dos socios fundadores de Formato Verde, Marcos Jorge, asegurou que a súa empresa solicitou axudas para a internacionalización e que con este impulso puideron crecer para estar presentes en diferentes países.

O presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Rodríguez Araujo, inaugurou o encontro desexando que xornadas como a celebrada esta mañá na sede da entidade axuden ás compañías para lograr a excelencia:

“Ofrecer este tipo de iniciativas ás empresas para que melloren a súa competitividade é clave no contexto actual, seguimos apostando pola formación e o asesoramento”

Tamén insistiu sobre a importancia de informar ás empresas acerca das axudas ás que poden optar e as ferramentas que teñen ao seu alcance para levar a cabo os seus proxectos.

Os fondos destinados á eficiencia enerxética son clave

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, fixo fincapé en que os fondos destinados á eficiencia enerxética das empresas son clave “para reducir o prezo da factura, e contar cunha estabilidade no medio e longo prazo no custo enerxético que cada vez está sendo máis determinante desde o punto de vista da competitividade”.

Destacou iniciativas como a primeira comunidade enerxética empresarial de Galicia que se está desenvolvendo na Tecnópole.

Un proxecto pioneiro no que se traballa con medio centenar de empresas para axudar ás compañías para desenvolver proxectos colectivos de aforro e eficiencia enerxética.

No encontro tamén se presentou a Oficina Galicia Empresa para facilitar a implantación de iniciativas empresariais e do Mapa Axudas 2022.